Era
un domingo, un día como outro calquera. Estaba paseando, á tardiña, polas rúas,
mirando os brillantes escaparates de
tendas que chamaban pouco o meu interese.
De súpeto, levantei a cabeza e vínte alí, solitaria,
sen compaña. Xa escoitara cousas sobre ti, os meus amigos non paran de falarme
do divertida que es.
Eu pensaba que só eras unha lenda. Naquel momento,
quedei abraiado coa túa beleza. Pensei seguir camiñando e finxir que non pasara
nada, pero non o fixen. Dei un paso adiante para achegarme a ti. A primeira
vista, amosabas intelixencia e
parecíasme moi atractiva. Xa
sabía que me gustabas moito. Decidín entrar na tenda onde te encontrabas e levarte á miña casa para
que xogásemos xuntos.
CARLOS DOPICO 2º ESO
Namoreime de ti a primeira vez que te vin nun centro comercial de A Coruña porque a túa pel de cor café con leite deixoume abraiada. Cando te volvín ver, leveite a miña casa.
Cada vez que estou contigo fásme a muller máis feliz
do mundo e, cando saímos xuntos á rúa, presumo de ti. As miñas amigas vólvense
tolas cando te levo conmigo.
Grazas por todos os bos momentos que pasamos xuntos e
quero que saibas que sempre serás... o
meu bolso favorito.
GEMA PAIS 2º ESO
Grazas. Moitas grazas por todo o que me ofreces, por
todo o que me dás e por aparecer na miña vida.
Ti es a razón do meu sorriso ao erguerme pola mañá. É
como se parase o tempo ao estar xuntos... Un momento de ledicia.
Grazas de novo por ser como es e por darme a
oportunidade de estar contigo, por aceptarme tal e como son e... por moitas
cousas máis.
Quérote moito, meu gatiño Miziño, que levas comigo dez
anos da miña vida.
ROCÍO VÁZQUEZ 2º ESO
Escríboche esta carta porque sei que non a vas ler. O pulso altéraseme só con pensar que ti, a pesares de saber que non podemos estar xuntos. O meu amor por ti é imposible e doe tanto que, de seguido, asolaga os meus ollos. O meu amor é tan inmenso que se tatuou na miña alma e non o podo arrincar de min. É unha sombra implacable que se me aparece a cada intento de esquecerte...
Oxallá o noso tempo non fora pasado. Oxallá non o
tiveramos deixado...
Grazas por regalarme os momentos máis felices.
ANDREA RAMOS 3º ESO
Enfróntome a este branco papel coa intención de
plasmar nel algún deses recordos que non quixera esquecer xamais.
Esta maldita enfermidade alónxame cada vez máis de ti
e de todo o que máis quero neste mundo.
Lembras da primeira vez que nos vimos? Fora nas festas
da túa parroquia. Eras unha rapaciña tímida, estabas coas túas amigas e, dende
que cheguei a aquela festa, sabía que ti serías a muller da miña vida... E así
foi. Toda unha vida por diante para quererte.
Pódeste preguntar cal foi o día máis feliz. Ben.
Lembras a vez que ías vestida de branco diante dun altar? Foi ese día, no que
casamos, cando xurei amarte por sempre... E así foi. Toda unha vida por diante
para quererte.
Logo, chegaron os fillos. Agora, os netos.
Só lle pido a esta enfermidade que me dea tempo
suficiente para rematar de quererte.
PEDRO VIDAL 3º ESO
Escríboche
a ti, miña terra querida, que me veu nacer e crecer. Escríboche porque me sinto protexido nas túas
entrañas, porque sinto que ti dasme acubillo nas noites de soidade.
Ti, miña terra amada, dasme paisaxes, árbores verdes,
belas pradeiras e preciosas leiras. Ti, Galicia, dasme a natureza que desexaba.
Axúdasme a seguir adiante cando me atopo lonxe. Ti dasme palabras das que me sinto
orgulloso. Nas túas rías agochas o peixe que me serve de alimento.
Meu amor, tes unha alma grande e frondosa onde se
agochan os teus doces segredos: pazos, ermidas, cruceiros, castros... Pedras
antigas coas que namoras tamén aos que veñen de fóra.
Un día tratei de amañar o que
se rachou en anacos que caeron deste corazón. Pero para non facerche dano, prefiro estar soa
e respirar a miña soidade.
Non tivemos o valor, meu amor, para recoñecer que o
inverno deixou no ar o seu triste final. Para ti serán as miñas bágoas. E por
ti marcharei sen mirar atrás. Pero non deixarei de lembrar o teu corpo entre as
miñas mans debuxando o mar. Non poderei volver respirar.
Hoxe acepto que non son eu.
Que difícil é dicir adeus e pensar que fomos algo máis
que dous...! Fomos moito máis que dous.
LAURA TEIJEIRO 4º ESO
Como esquecer aquel día tan especial?
Non sei que me está a pasar. Nos últimos días só soño
contigo. Que foi o que me provocaches? Este non son eu. Fas que todo o meu corpo se estremeza de ledicia ao
verte, ao escoitar a túa voz, ao mirarte, cando me miras, cando me tocas...
Posiblemente, non sintas o mesmo ca min pero sei que
ese sorriso que brilla tódolos días na túa cara cada vez que me miras, é por
algún motivo.
Estou disposto a namorarte completamente. Estou
disposto a ser eu quen te abrace en tódolos momentos. Decátate que, grazas a
ti, o meu corazón acelérase sen control.
Encantaríame poder facerte feliz e... que todo o mundo
me preguntara o motivo da túa felicidade.
MIGUEL NOVOA 4º ESO
MIGUEL NOVOA 4º ESO
AMOR,
palabra de catro letras que significa tanto !
A primeira vez que te vin estabas no alto das
escaleiras dun centro comercial e sentín bolboretas no estómago cando a túa
ollada quedou fixa na miña. Ti es o único que me fai sentir a persoa máis forte
do mundo porque, con só unha palabra, fas que as miñas mágoas tornen alegrías,
que por uns segundos esqueza as penas.
Cando me falaban de amor, de cativa, imaxinaba un
príncipe azul como o de Cincenta, que todo sería de cor de rosa. Eu non serei
unha princesa nin ti un príncipe azul pero... fasme sentir como unha princesa
no reino da felicidade no que só ti mais eu somos os únicos habitantes, reino
que día tras día imos construíndo con cada palabra, con cada aloumiño... a nosa
historia de amor.
Ti es quen me fai sorrir, quen con só unha ollada me
transportas a un mundo imaxinario. Ti es quen, con cada aceno, fas que non poida deixar de pensar en ti. Ti
es o meu primeiro pensamento e o meu último soño.
Grazas por agasallarme con cada segundo ao teu carón.
Un “quérote” teu sabe a chocolate á taza, doce e apetecible.
RAQUEL CORTÉS 4º ESO
RAQUEL CORTÉS 4º ESO
O EDLG felicita, de CORAZÓN, aos
alumnos premiados e agradece a tódolos participantes que fixestes posible este
Concurso.
Parabéns !!!