Poden participar os maiores de 16 anos. Pero... se sodes menores de 16,
animade á parentela, que seguro que na casa contades con Arzaks e Arguiñanos
!!!
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos convoca un concurso de receitas de Entroido para contribuír a promocionar a lingua galega na gastronomía durante estas festas.
BASES DO CONCURSO DOCES SOBREMESAS DE ENTROIDO
PRIMEIRA. Poderán participar todas as persoas interesadas, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos.
SEGUNDA. O concurso está dirixido a persoas adultas maiores de 16 anos.
TERCEIRA. As receitas terán que ser típicas do Entroido, deberán estar escritas en lingua galega e presentarse mecanografadas. Así mesmo, deberase presentar o prato elaborado o día indicado nas presentes bases.
CUARTA. Valorarase a presentación e a creatividade do prato, a orixinalidade e a calidade da lingua da receita.
QUINTA. Aceptarase como máximo unha receita por participante.
SEXTA. Os/as concursantes poderán presentar as súas receitas no Servizo de Normalización Lingüística, de luns a venres en horario de 09:00 h a 14:00 h ou envialas ao enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net. A data límite de presentación das receitas é o 8 de febreiro de 2013. Ese mesmo día, ás 20:00 h no Salón Azul do edificio Liceo, deberase presentar, ademais, o prato cociñado da casa para ser valorado por un xurado especializado.
SÉTIMA. Presentarase a seguinte documentación: a receita presentada no concurso, co nome, apelidos, enderezo e teléfono do autor ou autora.
OITAVA. O día 11 de febreiro ás 20:00 h no Salón Azul do edificio Liceo, terá lugar un acto de entrega de premios, ao cal poderán asistir todos os participantes e o público en xeral. As receitas gañadoras serán publicadas na páxina web do Concello.
NOVENA. Os premios dos/as gañadores/as serán os seguintes:
Gañador/a: Cea para dúas persoas nun restaurante de Betanzos.
Finalista: Libro de cociña.
DÉCIMA. A participación no concurso significa a aceptación destas bases.
Servizo de Normalización Lingüística
Concello de Betanzos
As bases detalladas están en : www.betanzos.net